Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Premio da XIII Bienal Española

Premio da XIII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo 2015 para Proxecto ARGA na categoría de Divulgación en referencia ao tema de Transferencia Social, na I Convocatoria de Investigación que celebra esta Bienal.


O Ministerio de Fomento, a través da Dirección Xeral de Arquitectura, Vivenda e Solo, en colaboración co Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España (CSCAE), a Fundación Caixa de Arquitectos e a Unión de Agrupacións de Arquitectos Urbanistas, convoca a XIII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo correspondente ao período 2013-2015.

Esta Bienal nace co interese posto naquelas arquitecturas que expoñen alternativas de progreso nunha época de recuperación da paisaxe e de renovación do espazo urbano da cidade e as súas construcións. Polo que os proxectos seleccionados para esta Bienal deberán ser reflexo de procesos culturais e sociais de cambio que afectan a un panorama ao que a arquitectura española dá resposta, poñendo énfase na súa proxección internacional.

A XIII Bienal Alternativas pretende ser un motor de reflexión e incentivo de novas ideas para a arquitectura e o urbanismo español, ofrecendo modelos que sirvan de referencia para unha mellor xestión dos nosos recursos patrimoniais e paisaxísticos, e unhas cidades que ofrezan unha maior calidade de vida aos seus habitantes. E en resposta a esta situación, a XIII Bienal pretende mostrar o recoñecemento desta realidade e expresar o seu apoio a aquelas actuacións que mellor representen estas premisas, así como a vontade de afrontalas e superalas con éxito.

A XIII Bienal pretende vincular as propostas arquitectónicas e urbanísticas dos participantes coas problemáticas do noso tempo, apostando por aquelas solucións que con máis acerto se adecúen ás necesidades e aos cambios que están a experimentar a profesión de arquitecto, os programas arquitectónicos e as demandas sociais. Por iso, na I Convocatoria de Investigación esta Bienal pretende potenciar os traballos referidos aos seguintes aspectos:

  • Patrimonio e Transformación. Entendido como un concepto que engloba intervencións de diferente tipo e escala sobre as preexistencias e sobre o construído.
  • Urbanismo: paisaxe e cidade. A integración do proxecto arquitectónico e urbanístico dentro dos procesos de transformación e reciclaxe das paisaxes constitúe un dos retos máis importantes para a cultura arquitectónica do século XXI.
  • Investigación. Transferencia Social. Propostas Innovadoras. Asistimos a un cambio na maneira de traballar significativo. Transformáronse os dous elementos básicos tradicionais: a autoría e a obra. Valorarase a capacidade para investigar e abordar solucións, así como as transferencias sociais e técnicas que a arquitectura e o urbanismo establecen coa sociedade, proporcionando un avance técnico acorde co territorio e a contorna cultural no que se asentan.

Foi nesta última categoría na que participou Proxecto ARGA… e na que resultamos PREMIADOS!!!

Formaremos parte destacada da Exposición e do Catálogo da XIII Bienal Española, podendo ser incorporados como selección de España da próxima edición da Bienal Iberoamericana de Arquitectura e Urbanismo, que se celebrará en xullo en Sao Paulo (Brasil).