Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Proxecto ARGA en Washington

A XIII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo, que tiña como título Alternativas/Alternatives, premiou en abril de 2016 un total de oitenta e nove proxectos arquitectónicos entre as categorías de Patrimonio, Urbanismo e Proxecto Fin de Carreira; así como en Investigación e Divulgación: onde foi distinguido Proxecto ARGA como proposta innovadora polo seu labor no eido da Transferencia Social.

A XIII BEAU exhibiu os traballos galardoados nunha exposición homónima e itinerante que tivo a súa primeira parada no Palacio de Carlos V da Alhambra de Granada, coincidindo a súa inauguración –o 19 de xullo de 2016– coa entrega de premios, onde participaron os co-directores da bienal –Begoña Díaz-Urgorri, Juan Domingo Santos e Carmen Moreno Álvarez–, e Francisco Mangado en calidade de coordinador xeral de bienais en España.

En outubro de 2016, a XIII BEAU chegou por primeira vez a Estados Unidos para exhibirse na Cooper Union for the Advancement of Science and Art de Nova Iork. Trátase dunha universidade fundada en 1859 que se distingue pola creatividade e o desenvolvemento en disciplinas como a arte, a arquitectura e a enxeñaría. Forma parte da prestixiosa Asociación de Universidades Independentes de Arte e Deseño, e na actualidade é un dos mellores centros universitarios do país.

E esta semana a XIII BEAU trasládase á oficina cultural da Embaixada de España en Washington –SPAIN arts & culture–. En colaboración coa Washington Architectura Foundation, o vindeiro xoves inaugúrase a exposición da bienal española na antiga residencia do embaixador español na cidade estadounidense, dentro dun ciclo de actividades culturais organizadas pola devandita oficina.

Esta será a última parada da XIII BEAU no Novo Continente; logo visitará, e con ela Proxecto ARGA, Francia, Alemaña, Xapón e Suecia.