Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Off Culturgal

Evento cultural no que participamos da man da revista de tendencias Disquecool, coordinadora e creadora do Off Culturgal 9x9, un espazo baseado na exposición de nove ideas e nove minutos para presentar cada unha delas.


Crónica da experiencia

A Feira das Industrias Culturais 2014Culturgal 2014–, consolidada xa como o espazo ideal para o escaparate e o intercambio de actividades culturais, celebrouse do 5 ao 7 de decembro de 2014 no Pazo da Cultura de Pontevedra. Este ano a programación oficial do evento contou con cento vinte actividades; ademais das actividades promovidas polos propios stands, que fixeron que a listaxe superase os cento cincuenta actos realizados.

Un deses stands –o número sesenta– estivo ocupado pola revista de tendencias Disquecool, coordinadora e creadora do Off Culturgal 9x9, un espazo aberto para o foro e o debate baseado na exposición de nove ideas e nove minutos para presentar cada unha delas: seis minutos dedicados á exposición propiamente dita do proxecto e tres para as preguntas do público. O concepto é puro dinamismo e totalmente visual: a exposición debía ir acompañada de dezaoito diapositivas –con vinte segundos para cada unha delas– que se sucederían de xeito automático.

Os proxectos seleccionados para participar no Off Culturgal 2014 foron a tenda de consumo responsable A Tenda da Gata, o Coro Local de música contemporánea de Pontevedra, o fotógrafo Etel Bande, o festival Graffiti+Viño, a editorial Irmáns Cartoné, videopoesía a través de Versogramas, o estudio de deseño e arquitectura Metrocuadrado e a aplicación musical para móbil Wiimbo.

E tamén Proxecto ARGA.

¿E de que falaron as nosas dezaoito diapositivas?

Nos seis minutos dos que dispoñiamos, intentamos transmitir ao público o complicado que resulta atopar información sobre unha arquitectura rehabilitada. E coa intención de poñer fin a esta dificultade nace Proxecto ARGA, que a través do estudo da metamorfose arquitectónica pretende inventariar, divulgar e poñer en valor tódalas Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia. Así expuxemos o proceso que seguimos á hora de elaborar as nosas fichas e incluír unha rehabilitación na nosa base de datos: devanditas fichas divídense en tres partes complementarias entre si: unha primeira de arquivo documental, unha segunda de arquivo gráfico e unha terceira de xeolocalización.