Proxecto ARGA en Barcelona
A XIII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo, que tiña como título Alternativas/Alternatives, premiou en abril de 2016 un total de oitenta e nove proxectos arquitectónicos entre as categorías de Patrimonio, Urbanismo e Proxecto Fin de Carreira; así como en Investigación e Divulgación: onde foi distinguido Proxecto ARGA como proposta innovadora polo seu labor no eido da Transferencia Social.
A XIII BEAU exhibiu os traballos galardoados nunha exposición homónima e itinerante que tivo a súa primeira parada no Palacio de Carlos V da Alhambra de Granada, coincidindo a súa inauguración –o 19 de xullo de 2016– coa entrega de premios, onde participaron os co-directores da bienal –Begoña Díaz-Urgorri, Juan Domingo Santos e Carmen Moreno Álvarez–, e Francisco Mangado en calidade de coordinador xeral de bienais en España.
En outubro de 2016, a XIII BEAU chegou por primeira vez a Estados Unidos para exhibirse na Cooper Union for the Advancement of Science and Art de Nova Iork. Despois trasladouse á oficina cultural da Embaixada de España en Washington –SPAIN arts & culture–.
E a vindeira semana, a XIII BEAU estará presente na Feria Barcelona Building Construmat, que terá lugar do 23 ao 26 de maio no recinto da Gran Vía da cidade condal. O martes 23 –ás seis da tarde– celebrarase un acto de presentación da exposición que contará coa participación dalgúns dos autores premiados na bienal.
Esta será a primeira parada no regreso da XIII BEAU ao Vello Continente; logo visitará –e con ela Proxecto ARGA– os países de Francia, Alemaña, Xapón e Suecia, entre outros.
NOTA:
O Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España –CSCAE–, chegou a un acordo con Fira Barcelona para a asistencia gratuíta dos arquitectos a Construmat. Para iso dispúxose un código de acceso que se introducirá no proceso de acreditación.
Para máis información, podedes pinchar no seguinte enlace.