Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Proxecto ARGA en Avilés

A XIII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo, que tiña como título Alternativas/Alternatives, premiou en abril de 2016 un total de oitenta e nove proxectos arquitectónicos entre as categorías de Patrimonio, Urbanismo e Proxecto Fin de Carreira; así como en Investigación e Divulgación: onde foi distinguido Proxecto ARGA como proposta innovadora polo seu labor no eido da Transferencia Social.

A XIII BEAU exhibiu os traballos galardoados nunha exposición homónima e itinerante que tivo a súa primeira parada no Palacio de Carlos V da Alhambra de Granada, coincidindo a súa inauguración –o 19 de xullo de 2016– coa entrega de premios, onde participaron os co-directores da bienal –Begoña Díaz-Urgorri, Juan Domingo Santos e Carmen Moreno Álvarez–, e Francisco Mangado en calidade de coordinador xeral de bienais en España.

En outubro de 2016, a XIII BEAU chegou por primeira vez a Estados Unidos para exhibirse na Cooper Union for the Advancement of Science and Art de Nova Iork. Despois trasladouse á oficina cultural da Embaixada de España en Washington –SPAIN arts & culture–.

En maio deste ano estivo presente na Feria Barcelona Building Construmat, contando coa participación dalgúns dos autores premiados na bienal. Esta foi a primeira parada no regreso da XIII BEAU ao Vello Continente.

A segunda terá lugar en Avilés: o vindeiro sábado 15 de xullo inaugúrase a exposición da XIII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo no Centro Niemeyer ás dezanove horas. A exposición poderá visitarse dende ese día ata o 13 de agosto, e do 1 ao 7 de setembro, en horario de luns a domingo de 10:30h a 14h, e de 16h a 20h.