Praza Pública
Extracto da entrevista concedida a Praza Pública, un xornal do que é responsable a Fundación Praza Pública, que ten por finalidade o fomento da información e o debate públicos como forma de contribución ao exercicio cívico da cidadanía galega, ademais da promoción da cultura e da lingua galegas.
¿Como e por que nace Proxecto ARGA?
A idea de Proxecto ARGA naceu case por casualidade (…). Dende o comezo da miña investigación [de doutoramento] puiden comprobar como resultaba relativamente doado atopar información sobre unha arquitectura antiga; e de igual maneira tamén resultaba relativamente fácil obter datos sobre unha arquitectura moderna ou máis actual. A dificultade aparecía ao querer coñecer o proceso que levaba a unha arquitectura deteriorada e obsoleta a converterse nunha arquitectura rehabilitada e en funcionamento.
¿Cal é a posición máis habitual en Galicia ante unha edificación abandonada susceptible de rehabilitar ou recuperar para outros usos? ¿Valórase suficientemente? ¿Ou a escolla maioritaria vai ser a dunha construción nova?
O camiño percorrido pola teoría e a praxe da rehabilitación e da restauración do Patrimonio Arquitectónico en Galicia nas últimas décadas foi moi positivo. Pasouse dunha teoría case inexistente e unha práctica anticuada e enclaustrada en pequenos círculos a unha actividade normalizada e á existencia dun certo debate. Sen embargo, o reto que ten por diante (…) é neste momento especialmente complexo.
A situación de crise económica (…) puxo de manifesto que toda a profesión arquitectónica vai orientarse nas próximas décadas máis á recuperación e rehabilitación da arquitectura existente que ás obras de nova construción; e á vez eliminou as grandes partidas orzamentarias dedicadas á intervención no Patrimonio.
Por outra banda, o factor identidade é un factor clave. Se nos sentimos identificados con esa arquitectura (…) en perigo de desaparición, faremos todo o posible para recuperala e volverlle dar unha nova vida, para que volva formar parte da nosa vida.
¿Durante moitas décadas non se valorou suficientemente a arquitectura preexistente? ¿Esta posición foi variando nos últimos anos?
Despois da Segunda Guerra Mundial produciuse un intenso debate (…) sobre a necesidade de reutilizar os edificios históricos para garantir a súa supervivencia. E (…) prevalecía o discurso funcional que trataba de garantir un uso aos edificios obsoletos. Pero dende finais do século XX a restauración integral recomendaba utilizar eses edificios abandonados única e exclusivamente cando existise compatibilidade entre a súa función orixinal e a función demandada no presente. Debíase evitar neles a toda costa calquera distorsión que puxera en perigo a herdanza arquitectónica, intentando recuperar a conexión perdida trala intervención entre o novo uso e o orixinal, é dicir, entre a nova función e a forma existente (…).
Na actualidade somos conscientes de que o abandono dun monumento ou edificio (…) significa a súa ruína, polo que a súa posta en valor permite a súa reintrodución na vida activa da sociedade. Entendemos que o novo uso preséntase como a mellor garantía para a súa supervivencia –sempre que sexa compatible–. (…) Debemos ser conscientes de que uns usos vanse e outros veñen, pero os edificios quédanse. (…) Por iso, o exercicio da continuidade na arquitectura ten unha dobre vantaxe: a económica e a cultural.
¿Que é máis importante á hora de recuperar unha arquitectura abandonada mantendo a súa esencia: a súa estrutura? ¿Os materiais empregados?
A recuperación dunha arquitectura obsoleta, dende o punto de vista da súa rehabilitación, preséntase sempre como unha operación difícil e complexa de realizar, posto que a reconversión de usos abrangue unha serie de características esenciais que se deben respectar para que o Patrimonio –ou a arquitectura– perdure no tempo. Así entendemos a Autenticidade como a pedra angular de tódalas intervencións realizadas no Patrimonio, como parte fundamental portadora da súa memoria. (…) E consideramos un obxecto como auténtico en canto porta sobre si mesmo tanto os signos físicos da súa propia orixe (…), como aqueles do proceso, máis ou menos intenso pero inevitable, que sufriu co paso tempo (…).
E (…) vemos a Identidade do monumento, é dicir, eses lazos emocionais que nos conectan coa memoria, coa capacidade de recoñecer o noso pasado e a nosa historia a través do edificio, [que] xoga un papel crucial nunha intervención. A través da súa conservación insístese no carácter social do monumento para estar en contacto con parte do noso tempo e da nosa cultura.
¿Que proxectos de rehabilitación destacariades polo seu bo facer ou pola súa orixinalidade á hora de darlle novos usos a un edificio?
Debemos ser conscientes de que cada edificio é único, polo que as súas condicionantes de partida á hora de rehabilitalo tamén son únicas.
E seguindo ao fío da anterior resposta, destacariamos por exemplo a Pousada Torre Lombarda en Allariz. (…) A intervención proposta, rexida polo mantemento dos valores arquitectónicos herdados, supuxo o absoluto respecto dos muros preexistentes, así como dos elementos estruturais do inmoble, conservando a riqueza espacial interior. Pero este pensamento acadaría a súa máxima concreción na solución adoptada na planta alta para albergar as habitacións. (…) Durante a rehabilitación do inmoble seguiuse o criterio de respectar escrupulosamente –así está definido na memoria do proxecto– os elementos existentes no edificio. (…) Esta actitude (…) permitiu conservar a autenticidade da arquitectura herdada (…). Asemade, provocou o nacemento dunha identidade recoñecible que funciona tamén como reclamo dentro do itinerario do coiro no que se insire o conxunto.
Outro exemplo que destacariamos sería o Centro de Recursos para Persoas con Discapacidade en Medelo (Silleda). (…) O estudio decidiu partir da necesidade de manter integramente a volumetría e as características tipolóxicas herdadas. Non obstante, o programa esixía ampliar a superficie construída e (…) a nova ampliación conectou as diferentes pezas servíndose dunha xeometría máis orgánica (…). Con esta solución conseguiuse certa expresividade formal que resulta eficaz como estratexia de intervención e que responde a suxerencias tales como a topografía e a forma na que a vexetación colonizaría o exterior das edificacións.
Pola contra, ¿que actuacións nos últimos anos poderiades destacar como máis negativas, por non ter conservado unha arquitectura existente ou mantela en ruínas?
Basta con ler a prensa acotío para coñecer numerosos casos que se atopan nesta lamentable situación. (…) Pero independentemente do obxectivo final de ter unha nova función, a posta en valor dunha arquitectura obsoleta depende precisamente da intención de permitir darlle continuidade e en ofrecerlle a oportunidade de que siga formando parte da sociedade do momento.