Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Radio Cerna

Transcrición da entrevista concedida a Radio Cerna, o primeiro espazo radiofónico especializado en temática medioambiental e ecoloxista promovido pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia –Adega–, que naceu co obxectivo de dotar de formación e información sobre o medio ambiente no noso país.


¿Cómo definirías o Proxecto ARGA?

Proxecto ARGA é un espazo virtual, dixital (…) que pretende dar a coñecer e poñer en valor todas aquelas rehabilitacións que se fan en Galicia, ben arquitecturas históricas, ben arquitecturas que quedaron en desuso, monumentos abandonados… (…). Ser conscientes do que temos.

O Proxecto ARGA leva en funcionamento tres meses, pero xa leva cociñándose máis dun ano. ¿De onde se extraen eses datos que ata o momento estaban espallados e que agora se concentran nesa plataforma web?

Pois ou ben de arquivos municipais, de arquivos da Xunta, ou ben de arquivos históricos e da Universidade, de arquivos dos propios arquitectos... (…) Mesmo as propias páxinas web dos estudios de arquitectura teñen [exposta] a información que se precisa para formar parte do censo de Proxecto ARGA.

Esta xa é unha pregunta de materia de tese. Á vista de toda esta documentación, ¿cales consideras que son as conclusións que se poden extraer ao respecto da rehabilitación de edificios en Galiza?

Houbo un cambio. Antes había un edifico abandonado: recuperábase sen máis. Agora hai unha consciencia de que haxa unha correspondencia (…) entre o uso antigo e o uso novo. Pénsase máis o que se fai (…): é un pouco simplificar esta idea.

E logo, tense máis consciencia do Patrimonio como identidade. De feito, hai diversas asociacións culturais e veciñais que se dedican a poñer en valor o seu patrimonio (…), ben mediante actividades ou reclamándolle ás propias administracións a súa recuperación (…).

A sociedade implícase agora máis na rehabilitación de edificios patrimoniais e búscanse usos máis acordes coa esencia destes edificios, pero ¿a que causas obedece este cambio de mentalidade, que supoño, que tamén afecta aos profesionais da arquitectura?

Supoño que como todo é que maduramos.

Cando foi da Segunda Guerra Mundial había unhas necesidades, había outra maneira de pensar. Logo cando foi do traspaso de Autonomías existían outras necesidades: había edificios baleiros e facían falta edificios administrativos, entón decidiuse darlles un novo uso. Agora o que máis se precisan son [edificios con] usos sociais. (…) E se cadra é iso, entre a consciencia e a necesidade do momento, séguese a evolución natural, a evolución que existe.

Proxecto ARGA acolle todo tipo de edificios rehabilitados: públicos ou privados, históricos ou non. O único requirimento para poder ser acollido por ARGA é que tivese un cambio de uso. ¿Que tipo de usos se adoitan impulsar nestes edificios rehabilitados de Galiza?

Pois ultimamente parece que están de moda os usos sociais (…), pero tamén gañan seguidores, por así dicir, os usos hoteleiros. (…) Pero vai chegar un momento no que en lugar de ter edificios ou monumentos baleiros, o que teremos serán hoteis baleiros. (…) E volvemos ao mesmo: concienciación pero nos dous sentidos, tanto á hora de rehabilitar por algo que estea abandonado pero tamén para algo que lle dea continuidade. Non só cun novo uso se recupera, ten que haber un novo uso (…) que supoña a continuación da vida do edificio.

É que aquí realmente está o reto da rehabilitación de hoxe en día: dotar de usos que teñan continuidade. Pero con respecto aos criterios utilizados no proceso de rehabilitación e dende o punto de vista profesional, ¿tamén houbo un cambio de mentalidade, quizais cara métodos máis sostibles?

Si que se observa diferenza entre as rehabilitacións máis antigas e as máis actuais: teñen en conta o emprego de máis materiais e (…) máis respecto cara á conservación desa arquitectura herdada. Antes existían uns obxectivos que había que cumprir si ou si, e moitas veces ese monumento ou ese edificio pasaba a un segundo plano. Agora están como ao mesmo nivel, (…) tanto ese pasado que nos chega (…) en forma de arquitectura como ese futuro que se lle vai dar. Entón hai ese respecto, volvemos ao que dicía antes, esa continuidade. Antes a rehabilitación supoñía un punto e aparte; agora vemos esa continuidade tanto nos materiais, [como] nas técnicas, nos usos. Vemos esa (…) madurez das ideas e das intervencións, e iso é sostenibilidade.

A maioría das veces sae máis barato rehabilitar que construír de cero porque, ao fin e ao cabo, non deixa de ser un acto de reciclaxe, reciclaxe de edificios. ¿Pero cales son os límites que non se deben traspasar a través da rehabilitación para que non deixe de ser iso, reciclaxe?

Podemos falar (…), como dixemos antes, da Autenticidade, que procura ser a pedra angular desas intervencións ou da Identidade, algo co que nos sintamos identificados, que teñamos ese edificio como un símbolo e que se siga conservando.

Se se respectan eses valores, que hai máis, pero estes dous principais, se se conservan, [o edificio] segue a ter esa ligazón co pasado, esa continuidade da que volvemos falar.

De tódolos edificios rehabilitados que xa fuches introducindo en Proxecto ARGA, ¿cales dirías que conservan mellor esa autenticidade, esa identidade, eses valores que nunca deben de perderse ante unha rehabilitación?

Se cadra precisamente por iso, por esa conservación e respecto, diría a Torre Lombarda de Allariz, unha obra de César Portela, que antes era unha fábrica de coiros e agora é unha pousada. Aquí, de feito, a identidade que tiña non existía, era nula, non había esa consciencia… Bueno, o Patrimonio Industrial pódese dicir que é moi recente a súa concienciación. E esta intervención púxoa de manifesto, incluso se fixo un paseo do coiro e hai máis fábricas rehabilitadas no entorno do río.

E logo outra [rehabilitación] que foi moi premiada é o Centro de Recursos para Persoas con Discapacidade en Medelo, no concello de Silleda, e obra do estudio santiagués Arrokabe. Neste caso era unha antiga granxa, un exemplo de arquitectura tradicional galega, cun cambio de uso totalmente radical, alleo, que non ten nada que ver o que se dedica agora co que se dedicaba antes.

Calquera de nós pode participar en Proxecto ARGA fornecendo da información. ¿Como podemos axudar nós a construír ese inventario, ese censo de edificios rehabilitados?

Existen dúas opcións. (…) A primeira sería enviar rehabilitacións: (…) mesmo con dicir existe esta intervención, houbo este cambio de uso, antes era isto e agora dedícase a isto. Se se teñen planos, fotografías… canta máis información, moitísimo mellor. (…) E logo, hai outro formulario para aquelas arquitecturas (…) que están en situación de abandono (…) e dende aquí facemos (…) unha pequena chamada (…) de atención.