Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Arquitectura de Galicia

Extracto da entrevista concedida a Arquitectura de Galicia, unha plataforma premiada nos XVI Premios do COAG na categoría de Divulgación e Investigación polo seu labor de catalogación da Arquitectura Contemporánea realizada en Galicia nos últimos sesenta anos.


¿Proxecto ARGA pretende ser unha plataforma integradora de tódolos edificios rehabilitados de Galicia? ¿Cales son os criterios de selección das obras?

Efectivamente Proxecto ARGA pretende recoller todas aquelas arquitecturas rehabilitadas da nosa comunidade autónoma coa fin de dalas a coñecer e poñelas en valor, ademais de explicar o seu proceso de transformación (…).

Á hora de seleccionar as obras que formarán parte desta plataforma cultural o único criterio que seguimos é o de que se levase a cabo unha rehabilitación, entendida esta como a recuperación dun inmoble (…) mediante a súa reutilización –é dicir, mediante un novo uso– (…).

A web divide “arquitecturas” de “ruínas” ¿De onde sae esa distinción de proxectos e edificacións e cal é o seu obxectivo?

Somos conscientes de que o abandono dun edificio (…) significa a súa ruína, polo que a súa posta en valor permite a súa reintrodución na vida activa da comunidade. Entendemos que o novo uso preséntase como a mellor garantía para a súa supervivencia –sempre que sexa compatible– (…). Partindo desta premisa (…) en arquitecturas incluímos aqueles inmobles que grazas a un novo uso volven formar parte da sociedade, e en ruínas englobamos aqueles casos que intentan manterse en pé –literalmente– mentres agardan por unha segunda oportunidade.

Sabemos que o contido dunha páxina deste tipo é variable no tempo, e que se vai ampliando pouco a pouco. Neste momento nas etiquetas da páxina podemos ver como elementos destacados “hotel” e “vivenda”. ¿Que análise podemos facer de iso?

O feito de que as etiquetas máis destacadas da nosa páxina web sexan hotel e vivenda pon de manifesto en primeiro lugar como a industria hoteleira supón a solución máis común en canto á recuperación de edificacións obsoletas, pois podemos atopar exemplos de diversas tipoloxías que na actualidade funcionan como establecementos hoteleiros (…). En segundo lugar, que a etiqueta de vivenda sexa unha das máis predominantes, revela unha nova filosofía de vida, aquela que nos leva a converter a nosa residencia no noso lugar de traballo dando lugar a unha economía baseada en pequenas empresas ou negocios familiares (…).

Ambas circunstancias conflúen cando ambas etiquetas coinciden nunha mesma rehabilitación. Este binomio reflicte un tipo de actuacións que proliferou nos últimos anos en Galicia, favorecido polas (…) axudas económicas destinadas ao turismo rural, un turismo que experimentou un importante crecemento na nosa comunidade.

¿Se pensamos no mapa de Galicia, onde crees que se atopa a maior necesidade de rehabilitar? ¿E se pensamos no urbano ou no territorio difuso rural?

Se reflexionamos sobre o noso mapa observamos que a necesidade de rehabilitar haina en todos lados: son as demandas e os condicionantes os que varían en función de se nos atopamos nun espazo urbano ou nun entorno rural.

No territorio urbano existe unha maior demanda de servizos derivada dun maior número de usuarios. (…) A revitalización dos centros históricos supón un grave problema para moitos concellos, que procuran reanimar zonas –e barrios– que en moitos casos chegaron a un estado alarmante de degradación. Restáuranse vivendas, pero requírese a rehabilitación de numerosos espazos para centros de encontro e reactivación da vida urbana.

Pola contra, no entorno rural –de carácter máis disperso–, teremos que ter presente o perigo de despoboación e deberemos condicionar os novos usos ás maiores necesidades na procura dunha revitalización económica e demográfica da zona. Ademais, estas intervencións vense máis condicionadas que as anteriores polo recortado dos seus orzamentos, esixindo un mellor aproveitamento dos recursos existentes.

Non é estraño atopar o Cárcere da Coruña e a Panificadora de Vigo no ámbito das ruínas. ¿Proxecto ARGA pretende sensibilizar e apoiar directamente a estruturas de re-utilización destes espazos?

Independentemente do obxectivo final de ter unha nova función, a posta en valor dunha arquitectura obsoleta depende precisamente da intención de permitir darlle continuidade e en ofrecerlle a oportunidade de que siga formando parte da sociedade do momento.

Como respondiamos nunha pregunta anterior, o feito de incluír na nosa web unha categoría de ruínas supón poñer de manifesto unha realidade pouco agradable da nosa herdanza arquitectónica, unha maneira de sensibilizar sobre o lamentable estado no que se atopan algúns dos nosos inmobles máis significativos: basta con ler a prensa acotío para coñecer numerosos casos que se atopan nesta triste situación. E o feito de incorporar unha edificación a este grupo (…) supón unha maneira de aportar o noso gran de area á recuperación destas arquitecturas.

No proceso de rehabilitación hai sempre unha restauración. Dende o punto de vista do deseño e da adaptación ao novo uso, ¿como consideras que se debe tratar o novo en relación á preexistencia?

A recuperación dunha arquitectura obsoleta, dende o punto de vista da súa rehabilitación, preséntase sempre como unha operación difícil e complexa de realizar, posto que a reconversión de usos abrangue unha serie de características esenciais que se deben respectar para que (…) a arquitectura herdada perdure no tempo.

Así entendemos a autenticidade como a pedra angular de tódalas intervencións realizadas nunha preexistencia, como parte fundamental portadora da súa memoria. Pero a pesar de haber un acordo universal respecto a esta idea non existe unanimidade en canto á definición do concepto en si. E consideramos un obxecto como auténtico en canto porta sobre si mesmo tanto os signos físicos da súa propia orixe –e ata aquí coincidiría co orixinario–, como aqueles do proceso, máis ou menos intenso pero inevitable, que sufriu co paso tempo. A autenticidade depende do deseño, dos materiais, das técnicas construtivas e da contorna; e a súa conservación vai ligada ás solucións adoptadas durante a intervención no monumento e á reversibilidade das mesmas. (…) E devandita reversibilidade permite ademais manter a identidade do inmoble rehabilitado, é dicir, respecta eses lazos emocionais que nos conectan coa memoria, coa capacidade de recoñecer o noso pasado e a nosa historia a través do edificio, xogando un papel crucial nunha intervención. A través da súa conservación insístese no carácter social da arquitectura herdada para estar en contacto con parte do noso tempo e da nosa cultura.

¿Que rol desenvolven as administracións en relación coa recuperación do Patrimonio? ¿É axeitada a normativa que condiciona os proxectos de rehabilitación?

A situación de crise económica eliminou as grandes partidas orzamentarias dedicadas á intervención no Patrimonio, e os –a todas luces– escasos traballos de recuperación de arquitecturas históricas realizados polas administracións galegas acabaron sendo eclipsados –paradoxalmente– pola súa mala administración.

(…) No referente á normativa que condiciona os proxectos de rehabilitación –independentemente do grado de protección da arquitectura a intervir–, como a supoñemos de igual cumprimento para todos, non cremos que a cuestión sexa se é axeitada ou non. Entendemos que á hora de actuar o que debe condicionarnos máis que unha lexislación deben ser factores como o respecto e a responsabilidade cara ao que herdamos, cara ao noso traballo –como arquitectos–, cara ao noso legado –como individuos–…

Chegados ao caso dunha catalogación completa, ¿que será do Proxecto ARGA?

Oxalá se chegue a unha catalogación completa das Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia. Dende o punto de vista desta plataforma (…) como inventario e base de datos, a súa finalización suporía que o obxectivo de ter un lugar único de consulta deste tipo de intervencións estaría totalmente conseguido. Sen embargo, este feito querería dicir que se remataron as actuacións de rehabilitación en Galicia.