Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Blog

En venda dous castelos na ría de Corcubión

Por Victoria García, para GCiencia.


Venden dous grandes castelos na ría de Corcubión por nove millóns de euros.


As fortalezas do Príncipe e do Cardeal, do século XVIII, suman seis mil metros cadrados construídos e cargados de lendas.


Dous castelos do século XVIII en venda en Galicia por un total de nove millóns de euros. A fortaleza do Príncipe, en Cee, e a do Cardeal, en Corcubión, buscan comprador a través de portais inmobiliarios, malia a consideración dun deles como Ben de Interese Cultural. Ambos os dous están listos para entrar a vivir e teñen unha dilatada historia, que inclúe a resistencia contra as tropas de Napoleón, na invasión de Galicia de 1809. Tamén están adornados de antigas lendas. E teñen a particularidade de estar situados un fronte ao outro, a modo de peche da ría de Corcubión.

O Castelo do Cardeal ten unha superficie total aproximada de cincuenta mil metros cadrados, cuns muros fortificados con inmellorables vistas. Conta con dous mil setecentos metros cadrados construídos, dos que setecentos son útiles, repartidos en nove estancias. Consta de catro xardíns interiores e mananciais propios. No interior, goza de tódalas comodidades: calefacción central, teléfono, wifi e central de alarma sen fíos. A fortaleza tiña no século XVIII capacidade para un centenar de soldados e estaba armada por doce canóns. Unhas escaleiras levan ata a praia e acceso á Furna de Don Liborio, unha cova natural que, segundo a lenda, comunica co interior do castelo e que era usada en tempos para botar os cadáveres dos inimigos que eran axustizados.

O prezo de venda do Castelo do Cardeal está cifrado en tres millóns de euros, despois de que a familia propietaria fixera este verán unha rebaixa de seiscentos mil euros. A fortaleza está no mercado dende 2007.

Pola súa banda, o Castelo do Príncipe, situado en Cee, na beira oposta da ría, ten un prezo maior: seis millóns de euros. A súa construción comezou no ano 1740 e debe o nome ao que sería o futuro rei Carlos IV. Erguido sobre unha península de trinta e tres mil metros cadrados e sobre uns altos cantís, domina toda a ría dende os seus baluartes. Como no caso anterior, está perfectamente acondicionado para vivir. Conta con adega, ximnasio, piscina sobre o mar, sauna, biblioteca e un acceso privado a dúas praias, cun pequeno embarcadoiro.

De nada serviu a campaña que, no ano 2016, tentou que o castelo do Príncipe pasara a ser visitable polo cidadáns. A recollida de sinaturas no sitio Change.org conseguiu un total de catrocentas oitenta adhesións. Malia a súa consideración de Ben de Interese Cultural, a petición presentada á Xunta de Galicia non tivo consecuencias e as visitas á fortaleza seguen a estar vetadas.

Xuntos ou separados, os dous vellos castelos da ría de Corcubión son as propiedades históricas máis caras á venda en Galicia. E por pouco menos de nove millóns de euros, esperan un propietario que queira se converter no señor das Rías Altas.