Blog
A casa de Fidel Castro en Láncara será un museo da emigración
Por David Lombao –@davidlombao–, para Praza Pública.
Por David Lombao –@davidlombao–, para El diario.es.
A casa natal de Fidel Castro en Láncara (Lugo) será un museo dedicado á emigración galega.
A Deputación de Lugo, o Concello de Láncara e a Confederación de Empresarios de Lugo colaborarán no proxecto impulsado dende a Asociación Amizade e Solidariedade con Cuba, á que a familia lle cedeu a casa.
Este centro servirá para lembrar e recoñecer a valentía e compromiso de todos os galegos que tiveron que abandonar a súa terra na busca dun futuro próspero.
Dous días despois do Día Nacional de Galicia de 1992 o daquela presidente da Xunta, Manuel Fraga, situouse ao pé da pista do aeroporto compostelán de Lavacolla. Dun avión oficial descendeu o daquela máximo mandatario de Cuba, Fidel Castro, a quen Fraga recibiu con honras malia á obvia incomodidade da dirección do PP que encabezaba José María Aznar. Aquela histórica visita deixou moitas imaxes para a historia en escenarios como o Panteón de Galegos Ilustres, a Muralla de Lugo ou un multitudinario acto político no hotel Araguaney de Santiago. Pero, sobre todo, a visita á casa natal do seu pai, Ángel Castro Argiz, na parroquia de Armea, en Láncara. A vella vivenda, tras anos de abandono, agora tornará nun museo dedicado á historia da emigración galega.
A finais do pasado xuño a familia Castro formalizou ante notario a cesión da casa familiar ao colectivo lancarao Amizade e Solidariedade con Cuba coa encomenda, segundo difundiu a Asociación de Amizade Galego-Cubana 'Francisco Villamil', de informar sobre o invaluable patrimonio cultural e político da Cuba actual e ser arquivo da grande emigración americana de Galiza, en particular das biografías dos nados en Láncara e da súa descendencia, que fixeron historia en todo o Caribe, especialmente en Cuba. A devandita asociación de Láncara será a encargada de levar adiante o proxecto xunto ao Concello da vila, a Deputación de Lugo e mais a Confederación de Empresarios da provincia.
Nunha visita á vivenda na que Fidel Castro se declarara fillo lexítimo de Galicia no marco duns actos con máis aire de romaría que de visita de Estado, responsables da institucións que impulsarán este centro de interpretación da emigración na provincia de Lugo bosquexaron este mércores os seus plans. O primeiro paso, sinala a Deputación lucense, é abordar a necesidade máis urxente, rehabilitar a vivenda, que se atopa abandonada dende hai décadas. Para facelo é importante a implicación das Administracións e da iniciativa privada e por iso –sinalan– a Asociación Amizade e Solidariedade con Cuba será a encargada de redactar o proxecto básico para, a continuación, determinar as posibles vías de financiamento.
Segundo o presidente do ente provincial, Darío Campos, este novo centro nun lugar tan simbólico será moi importante para Láncara e a súa contorna, pero tamén para toda a provincia de Lugo e para Galicia porque servirá para lembrar, agradecer e recoñecer a valentía e compromiso de todos os galegos que tiveron que abandonar a súa terra na busca dun futuro máis próspero.
Segundo o alcalde de Láncara, Darío Piñeiro, as boas relacións entre o Concello e o Goberno de Cuba, especialmente coa familia Castro, permitirán a construción deste centro". A casa dos Castro, agregan dende a Asociación, porá en valor a traxectoria e impacto do pobo galego en América debido ao fenómeno migratorio partindo da pegada da familia, representada no acto deste mércores por María Teresa López.
Alén do propio Fidel Castro, a lembranza do seu pai estará tamén moi presente no futuro museo. Castro Argiz marchou tivo que marchar como soldado á guerra de Cuba no 1898 e un ano máis tarde, xa como emigrante, asentouse na comarca cubana de Holguín. O primeiro responsable do proxecto de rehabilitación é o arquitecto sarriano José Ángel López.